Un sorpasso por fascículos

ClYlP__VEAAv9MR

O sorpasso a nivel estatal terá que agardar, é unha realidade. O pasado domingo vivimos unha xornada decepcionante para moitxs dos que levamos nestes espazos dende o comezo, dos que non levan tanto e dos que acaban de chegar. Toca dixerir os resultados, analizar e afinar a puntería para non errar o seguinte tiro.

Nas últimas semanas non pararon de saír enquisas que, sen querelo, producían en nós unha sensación de euforia. ¿Estaban erradas? Non, en realidade as probabilidades de acadar a segunda posición eran moi reais e seguen a selo. Toca, como digo, afinar a puntería.

Outra cousa é en Galicia onde xa consumamos o sorpasso hai tempo. Os datos mostran o feito efectivo xa en 2015, aínda que neste último proceso electoral existe un retroceso e a situación actual é de empate técnico co PSOE. Uns 900 votos de diferenza entre unha forza e outra. A Marea está baixa.

A foto da situación actual devólvenos á realidade, isto é, a nivel Estado todas as confluencias perden apoio, pero no caso de En Marea o descenso é maior. A caída da participación en algo máis de 3 puntos en Galicia é unha das claves para entender os resultados obtidos nos últimos comicios. Neste punto toca reflexionar sobre o proceder, as estratexias e os erros que se puideron cometer durante todo este proceso.

Por outro lado, a implantación territorial do PSOE, e especialmente do PP, conseguen provocar a movilización do seu electorado en toda Galicia. Esta, como ben sabemos, é unha das nosas debilidades. A implantación territorial, chegar ao rural e a actividade de todos os círculos, constitúe algunhas das carencias máis relevantes á hora da competición electoral. A sinerxia entre os distintos círculos e non a competición nin o localismo deberían ser, a nivel territorial, a nosa ferramenta máis potente.

A nivel municipal, a liña é a mesma. Descenso da participación en preto de 3 puntos, baixada importante de EM e BNG, mentren suben PP, PSOE e C’s. Cómpre ter en conta a importancia capital dos resultados nos Concellos do Cambio, que tampouco conseguen manter os resultados da confluencia. Isto é preocupante e responsabilízanos directamente. Se nin sequera nos Concellos onde desbordamos as urnas nos procesos municipais somos capaces de mobilizar á xente, temos unha situación complicada. A baixa participación é a nosa criptonita, e eles sábeno, de aí a campaña do medo, especialmente eficaz nun país propenso ao consevadurismo, con moito voto de xente maior.

Tamén, no resto da comarca os resultados non son os agardados. Os compañeirxs de Ames, un Concello onde a marea subiu ao máis alto no 20D, experimenta un descenso de case 1 punto e medio e cae á segunda posición.

Pero dito isto, e sen ánimo de ofrecer explicacións aventuradas ou panaceas, toca entender que todo este proceso foi demasiado rápido. Se ben estamos preto de conseguir uns obxectivos moito máis ambiciosos, é preciso entender que a rapidez coa que queimamos etapas durante este tempo non era nin imaxinable non hai moito. O asalto aos ceos, aínda que durante un tempo pensamos que podía facerse en 2 anos e medio, resulta ser unha loita longa, chea de obstáculos e situacións tremendamente complexas. Pecamos de inocentes e confiámonos.

Reflexionemos e poñamos en común, é a única maneira. É preciso reactivar os círculos, as nosas forzas territoriais que nos últimos meses están a perder forza. Reactivar os espazos de reflexión e mobilización, deixando as tarimas e baixando á pé de rúa. As campañas polo de pronto remataron, non é momento de mirar só ao institucional ou de cara a procesos internos non dixeridos. Tezamos as distintas partes do movemento popular e deixemos durante un tempo as demandas electorais. Só así, cando remate o verán, podremos pensar en botar a Feijoó da Xunta, doutra forma, vai ser moi difícil.

Pode ser que pecaramos de certa inxenuidade, é certo. Pero aí estamos, cuns resultados que lonxe de ser suficientes, non cerran a xanela de oportunidade para un cambio profundo no país. Erramos o disparo nesta ocasión, pero resistimos e seguimos para tentar incorporar á xente que falta. Tentar convencelxs de que esta loita vale a pena.

Toca resistir, toca reconstruir, toca levantarse. A verdade é que isto xa o sabemos facer. Levamos moito tempo resistindo. Na próxima etapa o que nos toca é aprender a gañar. Preparémonos, porque aínda con todo, estamos moi preto.
Alex Almón
Membro do Círculo Podemos Compostela

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *